Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de abril de 2016

O Concello establecerá este domingo un dispositivo especial de tráfico pola celebración do Maratón Coruña42

A proba, que comezará ás 08.30 horas, provocará cortes de tráfico desde as 05.30 horas no centro da cidade e modificacións no itinerario habitual das liñas de transporte público. As e os participantes poderán recoller os seus dorsais, bolsa e camiseta conmemorativa desde mañá pola tarde

A Coruña acollerá o vindeiro domingo, 17 de abril,  a celebración da V edición do Maratón Atlántica Coruña42. Por este motivo, o Concello despregará un dispositivo especial de mobilidade desde primeira hora da mañá, ante as afeccións ao tráfico que provocará a realización tanto do Campionato Galego de Maratón coma da proba 10K en distintas localizacións da cidade. O maratón, que terá a súa saída nos Cantóns e meta na Praza de María Pita, contará cun trazado urbano no que as e os participantes percorrerán 42.195 metros a través de tres voltas ao longo da enseada do Orzán, centro da cidade e a zona portuaria. Ademais desta proba, que  coincidirá co Campionato de Galicia Absoluto e de Veteranos da distancia, celebrarase a popular 10K, que tamén sairá desde o Cantón Grande e percorrerá o litoral coruñés desde a zona do porto até a Torre de Hércules, pasado polas Ánimas e Menhires.

Tanto o transporte público urbano coma os vehículos privados verán afectada a súa circulación durante toda a mañá do domingo. Desde as 05.30 ata as 14.30 horas, cortarase o tráfico na zona da saída das probas, os Cantóns –cuxa parada de taxis quedará suprimida–, desde a praza de Mina ata Ambrosio Feijoo; e o Paseo Marítimo permanecerá pechado ao tráfico desde as 08.00 horas ata as 10.15 horas –tramo da 10K entre Castelo de San Antón ata o I. F. P. Monte Alto– e as 13.15 horas –tramo do Maratón entre o Aquarium Finisterrae ata glorieta das Esclavas–, segundo finalice o paso das e dos corredores nas distintas probas. O amplo espectro do trazado da proba raíña do atletismo provocará cortes totais naquelas rúas nas que transcorra a carreira, que comezará ás 08.30 e cuxo peche será ás 14.30 horas. Desde as 08.00 horas, e ata as 13.15 horas, establacerase o corte total na rúa Manuel Murguía –onde estará situado un dos tres puntos de avituallamento–, desde a glorieta das Esclavas ata Almirante Lángara. Nesas horas tampouco poderá circular o tráfico por Juana de Vega, praza de Pontevedra, Modesta Goicuría –cuxa parada de taxis mudarase a Rubine– e Paseo Marítimo –desde o Aquarium ata Esclavas–, cuxas accesos directos desde as rúas no mesmo tramo tamén estarán cortados. Para facilitar o tránsito, o túnel da praza de Pontevedra contará con dobre sentido de circulación, permitindo a conexión de San Andrés con Juan Florez e Francisco Mariño a través de Durán Loriga, que tamén contará con dobre sentido entre Juana de Vega e a rúa Huertas. Nesta mesma zona, mudarase o sentido da rúa Santa Catalina cara a rúa San Andrés.

Tamén desde as 08.00 horas ata as 14.30 producirase o corte á circulación do tráfico na praza de Mina, Sánchez Bregua, Linares Rivas, Primo de Rivera e a avenida do Exército –ata a glorieta da Ronda de Outeiro–. Para permitir o tránsito dos vehículos, o Concello manterá en todo momento un carril desde A Palloza cara a Ramón y Cajal e habilitará un carril para cada sentido da circulación entre a avenida do Porto e a avenida da Vedra. Tamén haberá modificacións nos túneles dos Castros e Eirís, localizados nesta zona. O tráfico de entrada nos Castros desviarase cara á glorieta da rolda de Outeiro, mentres que o tráfico do túnel de Eirís desviarase cara ao enlace de Casablanca.

Tramos afectados pola 10K

Ás 08.45 horas, quince minutos despois de que as e os maratonianos tomen a saída, comezará a proba 10K, que conta este ano con 1.900 persoas inscritas e que transcurrirá pola Mariña e o Paseo Marítimo, desde os Cantóns ata a Torre de Hércules.

As modificacións da circulación comezarán ás 08.00 horas e desenvolveranse ata as 10.15 horas, co corte do Paseo Marítimo entre o Castelo de San Antón e o CIFP Monte Alto, antes do Aquarium Finisterrae. O Concello habilitará un carril con tráfico alternativo para permitir o acceso desde o Lugar das Ánimas ata o Oceanográfico, e establecerá o dobre sentido na rúa García Canzobre (Residencia Torrente Ballester) para a entrada e saída de Adormideras cara a avenida de Navarra. Neste mesmo tramo horario, realizarase o corte parcial do Túnel do Parrote en sentido saída da cidade, manténdose o de entrada á cidade cara ao Castelo de San Antón, e desviando o tráfico no Hospital Abente y Lago cara  á Maestranza-avenida do Metrosidero. Si estará permitido o paso dos buses urbanos e vehículos de grandes dimensións no sentido saída ao acceder desde o Lugar das Ánimas.

Modificacións no transporte público urbano

A realización do Maratón provocará supresións nos servizos habituais do transporte público urbano na zona comprendida entre San Andrés, Barrié de la Maza, Hospital e Matadero, polo que o Concello recomenda á cidadanía dirixirse aos puntos máis próximos, situados na rúa Torre, avenida Hércules, Campo da Leña, avenida do Porto ou  Juan Florez, 10.

Todas as liñas con destino ao Hospital Abente y Lago ou Monte Alto circularán ata Cuatro Caminos e, a continuación, pola rúa Castiñeiras, viaducto de Alfonso Molina, praza de Ourense e avenida do Porto, onde a Concellería de Mobilidade Sostible instalará unha parada provisional en cada sentido de circulación á altura da rúa Paseo de Coches. Desde alí continuarán cara ao Abente y Lago polo túnel do Parrote. As liñas 1, 1A, 2, 2A, 23 e 23A, que finalizan neste punto o seu percorrido, terán esta parada na praza das Ánimas, coa finalidade de volver polo túnel do Parrote cara a avenida do Porto, praza de Ourense, avenida Alfonso Molina, Pajaritas e Cuatro Caminos, desde onde cada liña se incorporará ao seu itinerario habitual, agás a liña 1, que accederá aos Castros pola avenida de Oza. As liñas 3, 3A, 4, 5, 6, 6A, 7, 11 e 17 continuarán desde o Abente y Lago por Maestranza e Metrosidero, incorporándose na rúa Orillamar ao itinerarrio habitual. No seu regreso de Monte Alto, desde Campo da Leña continuarán por Baltasar Pardal, praza das Atochas, Metrosidero, Maestranza e Abente y Lago, baixando cara á praza das Ánimas para acceder ao túnel do Parrote, avenida do Porto, praza de Ourense, Alfonso Molina, Pajaritas e Cuatro Caminos, onde a liña 17 continuará pola avenida de Oza cara aos Castros, recuperando o seu itinerario habitual, mentres que as outras circularán por Castiñeiras e Federico Tapia para incorporarse ao seu percorrido en Juan Florez, 10. Deste modo, as persoas usuarias do transporte público urbano das liñas 1, 14 e 17 da avenida do Exército deberán trasladarse á avenida de Oza para poder empregalo.

Finalmente, as liñas 21, 22 e 24, ao non poder acceder á praza de Pontevedra por praza de Ourense e Juana de Vega desde Cuatro Camiños, farán o propio por Castiñeiras e Federico Tapia ata Francisco Mariño, para facer de Juan Florez, 10, a súa cabeceira.

Desenvolvemento da proba

Coruña42 contará na súa quinta edición cun circuíto situado no centro urbano dunha distancia de 42.195 metros, homologada pola Real Federación Española de Atletismo. O trazado, que terá tres voltas de 14.000 metros cada unha, terá a meta localizada na praza de María Pita. Na súa quinta edición, Coruña42 contará coa participación de 5 lebres que irán identificadas con camiseta e globo e que marcarán cinco tempos diferenciados (2.45 h, 3.00 h, 3.30 h, 3.45 h e 4 h) para acompañar as e aos corredores.

En relación ao avituallamento –composto por auga, bebida isotónica e froita–, este ano o Maratón contará con tres postos, que estarán localizados a partir do quilómetro 5 nas rúas Matadero, Manuel Murguía e na Estrada do Porto. Todas aquelas persoas interesadas en dispoñer do seu propio avituallamento, deberán entregalo debidamente identificado á organización con antelación tanto o sábado 16 pola tarde, na zona de recollida de dorsais, como no mesmo día da carreira, ata unha hora antes da saída. En caso de querer recibirlo en man, as e os corredores deberán acreditar á persoa corresponente co seu nome e DNI tamén durante a recollida do dorsal. A proba paralela de 10K tamén contará cun único punto de avituallamento, que estará situado no quilómetro 6,590 –no Paseo Marítimo, á altura da entrada de Cocheras–.

Recollida de dorsais e actividades para as e os participantes

As e os participantes da V edición de Coruña42 e da 10K poderán recoller o seu dorsal desde mañá venres, día 15. Cada dorsal, que incluirá un QR que permitirá coñecer os tempos marcados durante a proba, terá unha banda ancha de diferente cor que identificará o caixón de saída desde o que se deberá posicionar a persoa participante. Xunto ao dorsal, entregarase  a camiseta conmemorativa da proba e a bolsa do corredor, que inclúe diferentes agasallos. A recollida realizarase na planta de deportes de El Corte Inglés do Centro Comercial Marineda City desde mañá vernes 15, desde as 17.00 ás 22.00 horas, e durante o sábado 16 en horario ininterrompido de 10.00 a 21.30 horas.

Ademais da celebración do Maratón e da proba 10K, Coruña42 ofrecerá outras actividades ás e os asistentes. O bicampeón do mundo de Maratón Abel Antón, que participará este domingo na proba de 10K, impartirá o sábado 16 unha clase maxistral da súa experiencia sobre como preparar un maratón. O parladoiro, no que o atleta resolverá as dúbidas e cuestións das persoas asistentes, comezará ás 19.00 horas na Sala de Conferencias de El Corte Inglés (Marineda) e será de entrada gratuíta e libre até completar a capacidade do espazo.

Para máis información sobre a altimetría do Maratón, servizos engadidos para as e os corredores, horarios dos caixóns de saída e outras novidades de interese tanto de Coruña42 coma da 10K, pode consultarse a páxina web www.coruna.es/carreiraspopulares

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión