Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de febreiro de 2017

O Concello abre o prazo de inscrición da sexta edición do maratón Coruña42, que se celebrará o 23 de abril

A carreira, que comezará ás 08.30 horas, compartirá un tramo do seu percorrido cunha proba popular de 10 km

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, área que dirixe José Manuel Sande, vén de abrir o prazo de inscrición da sexta edición da carreira Coruña42. A proba, coñecida como Maratón Atlántica, celebrarase o próximo 23 de abril, e coincidirá co Campionato de Galicia Absoluto e de Veteranos Individual e de Clubs, que forma parte do calendario estatal da Real Federación Española de Atletismo. Coruña42, que se desenvolverá no casco urbano coruñés, presenta un trazado de 42.195 metros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA). Nesta edición, ao igual que na celebrada no 2016, o maratón manterá o seu carácter accesible, tanto ao permitir a participación de deportistas en cadeira de rodas que cumpran as normas do IPC Athletics como polas bonificacións do 50% á hora de formalizar a solicitude de participación para o colectivo de persoas desempregadas, posuidoras de Carné Xove ou maiores de 65 anos.

O trazado do Maratón Atlántica, que terá a súa saída ás 08.30 horas no Cantón Grande, percorrerá o litoral da enseada do Orzán, desde o Aquarium Finisterrae até o Estadio Municipal de Riazor, para dirixirse cara á zona do porto coruñés, onde as e os atletas correrán á beira do mar entre Oza e Ambrosio Feijóo, ata volver aos Cantóns. Serán tres voltas en total a este trazado, de 14.000 metros cada unha, as que conformarán o circuíto. Unha vez finalizadas as tres voltas, a cola de meta pasará por Ambrosio Feijóo, avenida da Mariña, avenida de Montoto, Porta Real e María Barbeito até chegar á meta, situada un ano máis na praza de María Pita. O peche da carreira será ás 14.00 horas e, este ano, ademais, establecerase un tempo de 2 horas e 45 minutos para o paso polo medio maratón, na rúa Juana de Vega. Pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que sigan en carreira deberán retirarse do circuíto oficial de competición.

Na cita deportiva Coruña42 poderán participar todas aquelas persoas maiores de 20 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Promesa (1995, 1996 e 1997), Sénior (desde 19994) e até sete modalidades de veteranos segundo o ano de nacemento --desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante--, ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas no ano 1997 e anteriores. Haberá recoñecementos en metálico --non acumulables-- para as primeiras clasificadas, así como para os primeiros atletas galegos e coruñeses, e trofeos para quen se sitúe no podio de cada categoría. A organización, ademais, outorgará un premio especial de 1.000 euros --si acumulable-- a aquelas persoas que superen o récord da proba, sendo este de 2:12:21 na categoría absoluta masculina, e 2:40:23 na feminina. A cerimonia de entrega de premios realizarase ás 14.00 horas, ao peche da carreira.

A inscrición para participar no Maratón Atlántica poderá realizarse través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com até as 23.59 horas do 16 de abril, así como de forma presencial, até ás 22.00 horas do 8 de abril, no Departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e no Marineda City, ademais dos centros da entidade en Santiago de Compostela e Vigo. A inscrición para o Campionato de Galicia Absoluto, que será gratuíta para as e os atletas con licenza da FGA, deberá realizarse exclusivamente a través do sistema en liña da RFEA, na dirección web https://isis.rfea.es/sirfea2, tamén até as 23.59 horas do día 9 de abril.

Estableceranse dous prazos de inscrición para as e os atletas populares. Até o 9 de abril, ou ata acadar as 1.500 persoas inscritas, o prezo será de 25€.  A continuación abrirase un prazo, extraordinario, do 10 ao 16 de abril, no que as persoas que se inscriban deberán abonar de 40€, dez euros menos que na pasada edición. Un ano máis, e co obxectivo de facer máis accesible a participación en Coruña42, a concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento anuncia que haberá bonificacións do 50% na cota de inscrición para persoas desempregadas, posuidoras do Carné Xove ou maiores de 65 anos, que deberán solicitar no momento de formalizar a inscrición. O prazo para enviar a documentación acreditativa rematará co do primeiro prazo de inscrición, ás 24.00 horas do 9 de abril.

Proba de 10 km

O Maratón Atlántica compartirá un dos seus tramos, como vén sendo habitual, cunha proba popular de 10 km. Na carreira de 10.000 metros, que efectuará a súa saída ás 08.45 horas do Cantón Grande, poderán participar persoas maiores de 18 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Júnior (1998-1999), Promesa (1995, 1996 e 1997), Sénior (desde 19994) e até catro modalidades de veteranos segundo o ano de nacemento --desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante--, ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas no ano 1999 e anos anteriores.

Os prazos de inscrición desta proba popular serán os mesmos que na Coruña42. No primeiro tramo, até as 23.59 horas do 9 de abril, a cota será 5€; no segundo e extraordinario, do 10 ao 16 de abril, a contía será 15€.

Para máis información sobre estas probas, pode visitarse a páxina web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Documentos:

Maratón C42 2017 - Percorrido (PDF) (782 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión