Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de novembro de 2015

José Manuel Sande presenta a nova edición do Circuíto Coruña Corre e salienta "que será máis popular" ao conciliar "os aspectos lúdico e competitivo" das carreiras e baixar os prezos

O Circuíto favorecerá a participación de xente moza, maiores de 65 anos e persoas desempregadas con descontos na inscrición, que comezará o xoves 19

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta tarde o novo regulamento da IV edición do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre, que asegura unha baixada nos prezos de inscrición. “Hoxe presentamos un texto que favorecerá a conciliación da actividade máis lúdica co deporte de alto rendemento”, salientou o edil, que participou na gala de clausura da tempada 2014-15, que tivo lugar no centro Ágora e na que as e os tres primeiros clasificados das distintas categorías recibiron os seus respectivos premios, ademais da camiseta conmemorativa da pasada edición. Sande avanzou que o novo circuíto “terá prezos máis populares” para todos os públicos “e será un espazo de divertimento, para a integración e un punto de encontro e entendemento para a cidadanía”. Neste sentido, e tal e como explicou o responsable municipal, o IV Coruña Corre, con sete carreiras en distintos espazos da cidade, favorecerá “as dimensións sociais e culturais da actividade deportiva” a través do incremento de número de probas e a súa descentralización achegándose a novos espazos da cidade, como o barrio de Matrogrande, e incidirá “no fomento dos hábitos saudables” entre a poboación. 

O prazo de inscrición para o IV Circuíto Coruña Corre comezará mañá, xoves 19, a través da web municipal www.coruna.es/carreiraspopulares, e o peche coincidirá no mesmo día que finalice a solicitude de participación na segunda carreira do mesmo, a V Popular de Novo Mesoiro (13 de decembro). O prezo do Circuíto será de 10 € para o público xeral de máis de 18 anos, gratuíto para menores de idade e, como novidade, de 7 € para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos e usuarias do carné xove, o que supón unha baixada de 3 € respecto á tempada pasada. O colectivo con dereito a bonificación tamén obterá descontos na cota de inscrición individual de cada unha carreiras, que descende en máis dun 50%  respecto as anteriores edicións, pasando de 3€ a 1€. O público xeral, maior de 18 anos, tamén sairá beneficiado segundo o novo regulamento, ao aboar 2€ no lugar de 3€ en cada unha das probas.

O novo texto, froito da interacción entre o Servizo Municipal de Deportes, clubs da cidade e a Federación Galega de Atletismo, e do traballo conxunto coas áreas de Mobilidade e Seguridade do Concello da Coruña, tamén ten presentes as achegas das e dos participantes do III Coruña Corre. Ademais das novidades no procedemento de inscrición, o regulamento inclúe o calendario das sete probas que terán lugar en diferentes barrios da cidade e que se celebrarán entre o 29 de novembro e o 4 de setembro de 2016 co obxectivo de potenciar a actividade deportiva, económica e social en distintas zonas da cidade. “As asociacións veciñais terán maior protagonismo nesta edición na vertente loxística e participativa das carreiras”, afirmou José Manuel Sande na presentación. Así, o calendario quedará configurado coa IV Carreira Popular Os Rosales o 29 de novembro e a V Carreira Popular Novo Mesoiro o 13 de decembro. A primeira proba do ano será a novidade desta edición, a I Carreira Popular Matogrande, que terá lugar o 10 de xaneiro; a VI Carreira Popular Torre de Hércules será o 26 de marzo; a IX Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma o 26 de xuño; a V Carreira Popular Volta a Oza o 31 de xullo; e o 4 de setembro a IV Carreira Popular Ventorrillo pechará o Circuíto.

 

Clasificacións e categorías

Nesta IV edición, e para “o fomento da práctica desde un punto de vista lúdico e menos competitivo”, segundo lembrou o concelleiro, o novo regulamento omite a obrigatoriedade de posuír o chip que da acceso á cronometraxe dos tempos e clasificacións. Desde xeito, abre a participación a todas aquelas persoas interesadas en formar parte do Circuíto  pero que non desexen alugar ou mercar o dispositivo. As persoas inscritas que si queiran figurar nas clasificacións e puntuar en Coruña Corre, deberán anotarse en todas as carreiras e portar o chip durante as mesmas.

O Circuíto da tempada 2015-16 manterá as categorías junior (deportistas dos anos 1997-1998), promesa (1994-1996), sénior (1993 até os 34 anos) e veterán, divididos en catro categorías segundo os anos de nacemento; ademais das carreiras de promoción para menores das categorías xuvenil (1999-2000), cadete (2001-2002), infantil (2003-2004), alevín (2005-2006), benxamín (2007-2008) e prebenxamín (2009-2010). A competición poderá disputarse nas modalidades individual, con discapacidade, familiar (desde 2 integrantes) e mixta (3-4 integrantes).

Toda a información e o regulamento estarán dispoñibles desde mañá xoves, 19 de novembro, na páxina web www.coruna.es/carreiraspopulares

Documentos:

Regulamento tempada 2015-2016 (1 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión