Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de marzo de 2015

Francisco Mourelo presenta o I Breakfast Run solidario, unha carreira non competitiva a favor da Asociación de Dano Cerebral Adquirido Coruña

A iniciativa realízase o 18 de abril, día previo ao Maratón Atlántica Coruña 42, dentro do programa de eventos deste. A proba establece catro ritmos de carreira para que os grupos efectúen a súa entrada en liña de meta ao mesmo tempo.

Os concelleiros de Deportes, Francisco Mourelo, e Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentaron esta mañá o I Breakfast Run solidario, unha carreira non competitiva que se realiza o 18 de abril, día previo ao Maratón Atlántica Coruña42 dentro do seu programa de eventos, acompañados pola presidenta e directora de ADACECO, Carmen Fernández e Inés Ramos.

“Coruña42, como os grandes maratóns, crea esta carreira para que, a xornada previa á súa realización, os corredores teñan a súa oportunidade de prepararse para a competición á vez que participan nunha causa solidaria”, explicou Mourelo, quen engadiu: “En todas as nosas carreiras dóase unha parte da inscrición a unha causa ou asociación. Neste caso, o maratón é a favor de ADACECO (Asociación de Dano Cerebral Adquirido Coruña) que, ademais de recoller esa doazón, participa activamente no evento”.

Neste sentido, o concelleiro de Deportes explicou que no Breakfast Run, co lema Corre con alma, estableceranse 4 ritmos de carreira -alto, medio, baixo e un de marcha para os membros de ADACECO- de forma que se crearán 4 grupos dirixidos, cada un, por un guía que marcará cada un dos ritmos. “Trátase de que todos efectúen a súa entrada en liña de meta ao mesmo tempo, de modo que na parte final do percorrido se sumen as persoas participantes da asociación para realizar a chegada conxunta”, explicou o concelleiro.

A proba realizarase ás 09.30 horas, con saída e chegada ao Parrote, e percorrido polo Paseo Marítimo en dirección á Torre de Hércules. A inscrición efectuarase a través da web www.championchipnorte.com cun custo “simbólico” de 1 euro para as persoas participantes inscritas na Coruña42 e de 2 euros para o resto de corredores. O importe íntegro da inscrición doarase a ADACECO. O número de prazas está limitado a 750 participantes, con 50 prazas reservadas a membros da Asociación de Dano Cerebral Adquirido Coruña.

A entrega de dorsais e pulseiras realizarase en Exporunnig (Palexco) o venres 17 de abril, de 17.00 a 22.00 horas, e o sábado 18 no Parrote, de 08.00 a 09.00 horas. Ao remate da carreira existirá un espazo onde as persoas participantes poderán retirar un almorzo.

A iniciativa conta co apoio de rostros coñecidos como Marta Sánchez, Alberto Contador, Juan Domínguez, o Liceo, o Básquet Coruña, Xoel López, Vanessa Veiga, Pedro Nimo, Sofía Toro, Pepe Domingo Castaño, David Mouriz, Manolo Lama ou Paco González. “Estamos especialmente emocionados con este evento, unha novidade nesta edición do noso maratón que ten a singularidade de asociarse a unha causa solidaria á vez que se converte nunha acción de integración de persoas con diversidade funcional e que conta co apoio de grandes deportistas e artistas que se prestaron voluntariamente a participar”, concluíu Mourelo. A través do seguinte enlace pode acceder ao vídeo de presentación.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión