Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de setembro de 2013

Deportes espera reunir máis de 1.000 participantes na segunda edición do circuíto Coruña Corre

Mourelo presenta o calendario 2013/2014 das carreiras populares que volverán pasar polos barrios dos Rosales, Novo Mesoiro, Torre de Hércules, San Pedro de Visma, Ventorrillo e Oza.

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou esta mañá a segunda edición do circuíto de carreiras populares Coruña corre co que se pretende seguir apostando polo fomento do deporte e dos hábitos de vida saudables entre os coruñeses de todas as idades: "Tras o éxito da primeira edición, nesta nova temporada o noso obxectivo é seguir sumando participantes ao circuíto para superar a cifra de 1.000 inscritos", sinalou o concelleiro.

Francisco Mourelo indicou que para poñer en marcha esta segunda edición, o Concello asinará un convenio de colaboración, de novo, que regula a participación tanto dos clubs de atletismo Coruña Comarca, Riazor Coruña e Marineda Atlético na parte técnica, como das asociacións de veciños Ventorrillo, Gaiteira Fátima, Novo Mesoiro, Loureiro de Visma; a de veciños e comerciantes de Monte Alto e a de empresarios dos Rosales para a dinamización das diferentes zonas.

"Co traballo en equipo de todos logramos que moitos veciños se sumasen a esta iniciativa na que a familia é unha das grandes protagonistas", subliñou e lembrou que a existencia dunha clasificación familiar é o factor que diferencia este circuíto doutros que se poidan realizar noutras cidades: "O ano pasado inscribíronse un total de 50 familias, esperamos que este ano avós, pais e netos se sigan animando a participar xuntos. Aínda que a gran novidade é que esta temporada poderanse inscribir grupos mixtos de 3 ou 4 persoas coa condición de que polo menos un deles non participase na primeira edición. Como vedes o noso obxectivo segue sendo seguir enganchando a máis veciños a unha vida sa na que o deporte sexa esencial".

O circuíto inclúe a realización de seis probas en seis barrios da cidade que se realizarán entre o 20 de outubro e o 10 de agosto do 2014: "O obxectivo, ademais de potenciar e dinamizar a actividade deportiva, social e económica dos diferentes barrios, é dar a coñecer á cidadanía contornos para a práctica do running, unha modalidade que cada vez gaña máis adeptos", sinalou Mourelo, quen informou das seis citas deportivas:

- II Carreira popular Os Rosales. 20 de outubro de 2013 (6.800 metros)

- III Carreira popular Novo Mesoiro. 3 de novembro de 2013 (7.075 metros)

- IV Carreira popular Torre de Hércules. 2 de febreiro de 2014 (6.940 metros)

- VII Baixada popular de cros San Pedro de Visma. 29 de xuño de 2014 (6.600 metros)

- II Carreira popular Ventorrillo. 13 de xullo de 2014 (4.760 metros)

- III Carreira popular Volta a Oza. 10 de agosto de 2014 (7.552 metros)

"Confiamos en que a consolidación deste circuíto, unido á realización de importantes carreiras como a próxima Coruña 10, Coruña 21, Coruña 42 ou a recentemente incorporada Carreira da Muller, nos sitúen como unha cidade idónea para acoller este tipo de probas", asegurou.

Mourelo animou os veciños a sumarse a este tipo de iniciativas que promoven a incorporación da práctica deportiva aos hábitos da cidadanía: "Este circuíto é ideal para os que se queiran iniciar na práctica do running porque é moi alcanzable para os principiantes xa que os percorridos oscilan entre os 5 e 8 quilómetros", asegurou e lembrou que o obxectivo é superar as cifras da pasada edición na que 770 persoas se inscribiron no circuíto "aínda que nalgunha carreira superáronse as 1.000 persoas xa que se permite a inscrición illada en cada unha delas". Neste sentido informou de que a carreira da Torre de Hércules foi a que congregou un maior número de persoas, 1.109, mentres que a de Novo Mesoiro foi a que reuniu máis poboación xuvenil, con 282 menores.

O concelleiro finalizou lembrando que o colofón á primeira edición celebrarase cunha gala final, o vindeiro venres, no centro Ágora a partir das 20.00 horas coa entrega de premios a todos os gañadores e gañadoras.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión