Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de abril de 2015

Coruña42 desprega o seu abano de servizos para os corredores

Do mesmo xeito que en pasadas edicións, a organización do cuarto Maratón Atlántica quérelles ofrecer aos runners as maiores facilidades para que a participación tanto no Maratón Atlántica como na súa 10k paralela sexa unha experiencia inesquecible tanto antes, como durante e despois da carreira.

#Coruña42 brindará nesta cuarta edición que se realiza este domingo día 19 os mellores servizos tanto para os corredores do Maratón Atlántica como da súa #10k. As facilidades comezarán xa este venres, coa apertura da Exporunning, a feira do corredor que repite este ano en Palexco. Os atletas poderán recoller a súa bolsa do corredor, que incluirá dorsal, chip, a súa camiseta conmemorativa da proba e produtos dos patrocinadores da proba, como xeles enerxéticos de Me Power, ou as bolsiñas de pistachos do novo colaborador American Pistacchio. Neste espazo poderán comprobar o funcionamento do devandito chip no escáner que Championchipnorte colocará para iso.

Lembramos que Palexco abrirá as portas aos corredores o venres 17 dende as 17.00 ata as 22.00 horas e o sábado dende as 10.00 a 22.00 horas. Ademais de contar con expositores relacionados co mundo do running, poderemos gozar o venres, na inauguración, da proxección da película na sala Gaivota “Vivir sin parar”. Palexco será ademais o sábado sede da Pasta Party, que coa colaboración de Cambalache e a organización de #Coruña42, ofreceralles ás persoas participantes tanto do Maratón como da súa #10k, e aos seus acompañantes, un completo e variado menú buffet nunha contorna única mirando ao mar e a prezos populares.

O sábado na #Exporuning de #Coruña42 a oferta completarase cun ciclo de conferencias a cargo de diferentes expertos en diversas materias e que terá como colofón final unha mesa redonda na que participarán o campión de España de Maratón Pedro Nimo, José Requejo, bronce no Mundial de 100k e Cristina Santiago, catro veces campioa do Nacional de 100 quilómetros en ruta.

Como en pasadas edicións, os dorsais levarán un código QR que lles permitirá aos corredores finisher ver os seus tempos de carreira de forma inmediata e personalizada. Para iso unicamente deberán estar dados de alta en Championchipnorte cronometrador da proba. Ademais, todos os atletas que finalicen a proba terán na web do cronometrador o vídeo da súa chegada á meta. No dorsal tamén se incluirá un gráfico onde se explicará a forma correcta de colocar o chip nos cordóns da zapatilla para garantir que este sexa recoñecido nos diferentes puntos de control situados polo trazado.

Con respecto ao día da carreira, dende #Coruña42 recoméndase o uso do transporte público. A organización habilitou tamén un bus a dispoñibilidade das persoas corredoras, que realizará un circuíto arredor das zonas menos céntricas, favorecendo deste xeito o plan de mobilidade e compromiso cun evento sostible.

As paradas e horario serán os seguintes:

  • 7.15 h. Saída de Área C. Marineda (Marineda City)
  • 7.25 h. Parada en Pol. Industrial A Grela Gambrinus 14.
  • 7.35 h. Parada en Glorieta Acceso Pocomaco (Matogrande).
  • 7.40 h. Parada en Avda. Alfonso Molina (EEAA).
  • 7.45 h. Parada en r/ Ramón y Cajal (Corte Inglés).
  • 7.50 h. Parada en Catro Camiños (Banco Pastor).
  • 8.05 h. Chegada a Porta Real

Á finalización da carreira de 10k e Maratón a organización establecerá un percorrido similar á ruta de ida en sentido inverso, cos seguinte horarios:

  • 12.00 h. Saída de Porta Real
  • 14.00 h. saída de Porta Real

Así mesmo, os corredores que desexen estacionar o domingo nos aparcadoiros de Palexco, Cantóns e Maestranza, próximos á zona de saída, terán un desconto do 30% mostrando o seu dorsal na caixa central, grazas ao acordo alcanzado en virtude da realización da carreira. O horario establecido é de 00.00 horas a 18.00 horas do día 19.

No día da carreira haberá, ademais, servizo de gardarroupa que estará situado nos soportais do Concello da Coruña, na praza de María Pita. Para iso dispoñerán dun adhesivo co seu número de dorsal para facilitar a entrega das súas pertenzas no gardarroupa. O horario será de 07.30 a 15.00 horas.

Para evitar as aglomeracións e favorecer o bo desenvolvemento da carreira estableceranse os seguintes caixóns de saída:

Maratón Atlántica Coruña 42

Caixóns Distancia Homes Mulleres
1

21 Km.

42 Km.

< 1 h:20m.

< 2 h:45m.

< 1 h:35m.

< 3 h:20m.

2

21 Km.

42 Km.

1h:20m - 1h:25m

2h:45m - 3h:00m

1h:35m - 1h:40m

3h:20m - 3h:40m

3

21 Km.

42 Km.

1h:25m - 1h:30m

3h:00m - 3h:20m

1h:40m - 1h:45m

3h:40m - 4h:00m

4

21 Km.

42 Km.

1h:30m - 1h:35m

3h:20m - 3h:40m

1h:45m - 1h:50m

4h:00m - 4h:20m

5

21 Km.

42 Km.

Marcas superiores. Sen marca
Marcas superiores. Sen marca

Carreira 10k

Caixóns Homes Mulleres
1

< 35 m.

< 40 m.

2

35 - 40 m.

40 - 45 m.
3 40 - 45 m.
45 - 50 m.
4 45 - 50 m. 50 - 55 m.
5
> 50 m. - Sen marca

> 55 m. - Sen marca

A carreira terá sinalizados todos os puntos quilométricos e haberá nove lebres (2h45, dúas para 3h, dúas para 3h15, dúas para 3h30, 3h45 e 4h) que irán identificadas cun globo e camiseta distintiva de Powerade.

En relación ao avituallamento, os postos estarán instalados a partir de quilómetro 5 e aproximadamente cada 5 quilómetros. No avituallamento líquido do maratón contaremos con auga e Powerade como bebida oficial, mentres que o sólido consistirá en plátanos e laranxas. Os puntos exactos de paso son:

Maratón Atlántica Coruña42

  • Km. 5´100 aprox. Avda. Salgado Torres (saída do túnel, antes de Ramón y Cajal). Só auga.
  • Km. 10´100 aprox. Estrada do Porto (oleoduto, dirección a Oza) Auga, bebida isotónica e sólido (plátanos e laranxas).
  • Km. 15´200 aprox. Avda. Salgado Torres (despois de Ramón y Cajal, antes de entrada a túnel) Auga, bebida isotónica e sólido (plátanos e laranxas)
  • Km. 20´200 aprox. Estrada do Porto (oleoduto, dirección a Oza) Auga, bebida isotónica e sólido (plátanos e laranxas)
  • Km. 25´600 aprox. San Roque de Afuera (ao lado do mar, despois de xiro en Rotonda de Labañou) Auga, bebida isotónica e sólido (plátanos e laranxas)
  • Km. 29´900 aprox. Paseo Marítimo (entrada cocheiras do tranvía) Auga, bebida isotónica e sólido (plátanos e laranxas)
  • Km. 34´300 aprox. San Roque de Afuera (ao lado do mar, despois de xiro en Rotonda de Labañou) Auga, bebida isotónica e sólido (plátanos e laranxas)
  • Km. 38´600 aprox. Paseo Marítimo (entrada cocheiras do tranvía) Auga, bebida isotónica e sólido (plátanos e laranxas)

No caso da proba paralela dos #10k o punto de avituallamento estará situado no quilómetro 6,300 no Paseo Marítimo (entrada cocheiras do tranvía) e consistirá en auga. Lembramos, así mesmo, que todos os puntos quilométricos estarán sinalizados no trazado.

É posible dispoñer de avituallamento persoal, que pode ser recollido o sábado na entrega de dorsais, debidamente identificado co punto km no que se desexa atopar. A organización non se pode facer responsable dos posibles erros que cometan outros corredores rcollendo un avituallamento que non é o propio. Para iso, se o participante quere que o seu avituallamento persoal se lle entregue na man, é a súa responsabilidade designar e situar unha persoa especificamente para esta función. Esta deberá estar acreditada pola organización e terase que dirixir á Exporunning nos horarios antes mencionados (venres de 17 a 22 ou sábado de 10 a 22 horas) para poder formalizar o devandito permiso. Calquera avituallamento fóra da zona marcada para iso poderá supoñer a descualificación da carreira do infractor.

Así mesmo, lémbraselles aos corredores que ao longo do circuíto haberá colectores para a recollida de residuos e que estes serán de uso obrigatorio por parte de todos os runners, favorecendo así a sostenibilidade do evento. O non uso destes poderá carrexar a descualificación da proba. Na Exporunning poderán atopar un posto da Concellería de Medio Ambiente onde recibirán información das accións encamiñadas a conseguir esa sostenibilidade do evento.

Ademais dos arcos de hidratación, situados durante a carreira como alternativa a posibles altas temperaturas e para que os atletas se refresquen durante o percorrido, unha vez finalizado o Maratón os runners terán a opción de ducharse no Cuartel de Atocha, accedendo ao recinto mostrando o seu DNI e dorsal. Dispoñerase de baños portátiles na zona de saída e meta, así como en todos os puntos de avituallamento.

Durante todo o trazado, ademais, haberá un total de 14 grupos tanto musicais como deportivos que forman parte do Programa de Animación Coruña42, amenizarán a carreira tanto as persoas corredoras como o numeroso público asistente que se espera.

Ademais, a carreira será retransmitida en directo a través de Twitter, por medio da conta oficial da proba @Coruna42, para poder seguir en tempo real o que ocorre en ambas as probas, Maratón Atlántica e 10k a través da interacción co cronometrador oficial Championchip norte, que irá indicando a clasificación en cada un dos puntos de control.

Haberá servizo de fisioterapia e podoloxía, a través dos seus respectivos colexios profesionais en carpas habilitadas na zona de meta e ao que poderán acceder todos os corredores que o desexen.

Repetindo a boa acollida que tivo na pasada edición, as persoas participantes que o desexen poderán gravar as súas preseas co seu nome e a súa marca, de forma totalmente gratuíta na carpa situada xunto á estatua de María Pita. Mentres, os diplomas poñeranse descargar a través da web oficial http://www.coruna.es/carreraspopulares.

A entrega de premios do Campionato Galego e Carreira Popular do Maratón, realizarase na praza de María Pita ás 14.00 horas, mentres que no caso da Popular 10K, esta realizarase ás 11.30 horas.

#Coruña42 quere seguir aloumiñando os seus máis de 3000 corredores que tomarán a saída este domingo na cuarta edición do Maratón Atlántica e a súa paralela de #10k.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión