Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de abril de 2014

Coruña42 convídate ao mellor restaurante italiano coa Pasta Party

O Maratón Atlántica ofrécelles aos seus corredores tanto de Coruña42 como de 10k a posibilidade de gozar dunha verdadeira festa culinaria o sábado día 26, con motivo da Exporunning, no Palexco. A gran variedade no menú, unida á localización única, cun comedor que mirará á baía da Coruña e os simbólicos prezos, principais atractivos dun evento no que os runners poderán cargarse de hidratos, principal fonte de enerxía para a esixente proba do domingo 27.

Coruña42 quérelles brindar aos seus participantes, tanto do Maratón como da 10k, a oportunidade de gozar dunha Pasta Party o vindeiro sábado día 26 a partir das 13.00 horas con motivo da Exporunning que se realizará en Palexco. Este evento culinario, que conta coa colaboración do Concello da Coruña a través da súa Concellería de Deportes e o restaurante Cambalache quere desmarcarse doutras actividades similares que empregan esa denominación, ofrecéndolles aos seus corredores unha atención exquisita, as mellores viandas e unha localización digna do mellor restaurante de luxo.

A sede do comedor será nunha das estancias da planta superior do propio Palexco, un lugar luminoso debido ás numerosas cristaleiras, cunhas espectaculares vistas á baía da cidade e que ofrecerá un exquisito servizo de enxoval con vaixela e copas tintineantes. Dende a organización de Coruña42 son conscientes da importancia da sobrecarga de hidratos, fundamental reserva de enerxía dos corredores, de cara tanto ao Maratón Atlántica como á 10k, pero quérenlles ofrecer aos seus runners un menú buffet completo e variado, con múltiples alternativas adecuadas aos diferentes gustos.

Este constará dunha selección de empanadillas, diferentes tipos de ensaladas, espaguetis que se poderán acompañar dun nutrido abano de salsas (Boloñesa, Pesto, Cambalache, consistente nunha especialidade do chef con champiñóns e gambas, ou aceite), ademais dunha selección de pizzas. Como sobremesa ofreceranse diferentes variedades de froitas, iogures ou panacota de chocolate. E como a hidratación é importante, todo acompañado de bebidas e, para deixar os pratos relucentes, servizo de pan. E todo iso co selo dun dos mellores restaurantes de cociña italo-arxentina da Coruña, con contrastada experiencia na elaboración da pasta e demais pratos presentes na súa ampla carta.

A organización quérelles garantir o mellor servizo ás persoas participantes da Pasta Party e por iso establecerá unha capacidade limitada a 1400 persoas. Así mesmo, a capacidade do restaurante estará limitada a 400 comensais, polo que se organizará un sistema de acceso a el segundo vaian quedando mesas libres, cun límite de entrada fixado ás 16.30 horas. Para poder acceder ao restaurante deberán mostrar un xustificante de anotación na Pasta Party e o seu DNI.

Con este efecto, habilitarase unha pasarela de inscrición por medio de Championchipnorte. Para garantir que as reservas se realicen de forma responsable e todas as persoas inscritas acudan finalmente á Pasta Party establecéronse os seguintes prezos de carácter simbólico, en función dos prazos a continuación descritos:

Dende hoxe e ata as 24.00 horas do martes 22 no caso dos corredores de maratón a contía será de 1 euro e 3,5 euros para os de 10k.

No segundo prazo, que finalizará ás 24.00 horas do 24 de abril, o prezo será de 2 euros para os maratonianos e 4,5 euros para os runnes do 10k. Así mesmo, todas as persoas participantes na Pasta Party, tanto corredores do Maratón como dos 10 quilómetros, poderán levar ata un máximo de cinco acompañantes, que terán que aboar 7,5 euros no primeiro prazo de inscrición ou 8,5 no segundo, respectivamente. Así mesmo, a organización quere facilitar un prezo de menú infantil, para aqueles corredores que veñan acompañados dos seus fillos, de modo que o importe para os nenos menores de 10 anos será de 4,5 euros no primeiro prazo e 5,5 euros no segundo.

Procedemento de inscrición en PASTA PARTY (lembra que é un servizo exclusivo para atletas inscritos en Coruña42 ou en Coruña10K)

  1. Accede á inscrición deste evento (Inscribirme).
  2. Selecciona a opción de PASTA PARTY da competición na que te inscribises (C42 ou 10K).
  3. Selecciona cantos acompañantes levarás (máximo de cinco).
  4. Completa o pago.
  5. Deberás presentar xustificante e DNI na entrada da PASTA PARTY.

Coruña42 convida a todos os seus corredores á Pasta Party, un evento culinario que quere dar un salto cualitativo en canto ao que se sobreentende neste tipo de actividades e ofrecerlles aos seus runners un variado e exquisito menú, servido nunha localización única e co Atlántico como pano de fondo. Que aproveite!

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión