Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de setembro de 2014

Aberta a inscrición para a VIII Carreira Popular Coruña10!

Dende hoxe mesmo, cun mes exacto de antelación, xa vos podedes inscribir na oitava edición da decana das carreiras coruñesas. A Carreira popular Coruña10 non faltará á súa cita habitual o primeiro domingo de outubro. Hoxe adiantámosvos as primeiras novidades que atoparedes o próximo 5 de outubro.

O día 5 de outubro realizaremos a oitava edición da carreira popular por excelencia da cidade, Coruña10. Serán dez quilómetros para percorrer polas rúas da Coruña, onde todos, dende o máis rápido ao máis lento, poderán gozar dun fenómeno como o running, que cada día gaña máis e máis adeptos.

Para formalizar a inscrición podedes facelo dende esta mesma web, ou dende a plataforma aloxada en www.carreirasgalegas.com, e recomendámosvos que antes diso consultedes o regulamento da proba. A partir do día 8 de setembro poderedes tamén realizar inscrición presencial nos centros de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e Marineda City.

A cota de inscrición mantense “conxelada”, e o seu importe repite os 5 € para os posuidores de chip amarelo, mentres que os non propietarios deberán aboar 2 € máis en concepto de alugueiro. Coma nas edicións anteriores todas as persoas participantes que desexen correr nas categorías de menores deben formalizar a inscrición do mesmo xeito, pero no seu caso de forma gratuíta.

Como “correr é máis que correr”, este ano asociamos a carreira ao proxecto COPPADIS (Cohorte de Pacientes con Enfermidade de Parkinson en España), que persegue investigar e dar a coñecer unha enfermidade con crecemento na poboación española, avanzando na investigación para o seu tratamento (máis información en http://coppadis.com. A organización destinará 0,5 € de cada inscrición a esta causa. Así mesmo, todas as persoas participantes poderán achegar, se o desexan, unha cantidade suplementaria para completar o seu apoio. De igual modo existirá unha fila cero para quen queira proporcionar a súa axuda sen necesidade de correr.

Como en todas as nosas carreiras, buscamos as vosas opinións despois da edición do 2013, co fin de extraer aqueles aspectos de mellora máis solicitados. Un deles era a petición dun grupo significativo que, sen ser maioría, gustaríalle ter a súa camiseta conmemorativa en galego. Nesta edición será posible, coa condición de que realicen a súa inscrición antes do 15 de setembro, escollendo a opción formulada para iso na plataforma de inscrición.

Outro aspecto de mellora refírese á sinalización dos puntos quilométricos. Pola masiva afluencia de participantes nesta carreira algúns consideran insuficiente os tótems habitualmente utilizados, e moitos afirman non telos visto durante o percorrido. Para esta edición estamos pensando outro tipo de dispositivo que teña maior visibilidade.

En canto ao percorrido, as peticións que máis aparecen teñen que ver co estreitamento despois da saída. Esta situación non se vai dar, xa que o circuíto non vai ser o mesmo destes últimos anos. As actuais obras da Marina impiden cerrar os Cantóns instalando alí a infraestrutura de saída/meta. Veremos se a alternativa de traxecto que se propoña é unha situación puntual para este ano ou a satisfacción dos corredores fai que perdure no tempo. Actualmente están en estudo dúas opcións, á espera de informes da Área de Seguridade e Mobilidade do Concello, ademais da nosa de Deportes. Calquera delas cumpre os requisitos que sempre caracterizaron Coruña10, como carreira cha e rápida, polo que a satisfacción das persoas participantes está garantida. Proximamente publicaremos o trazado definitivo.

Coruña10 ten unha ilusión, ser a túa carreira, a que máis se axusta ás túas posibilidades, xa que aínda non corres medios ou maratóns, a da distancia asumible, a máis cha e rápida, a que che permita por fin baixar de 37 minutos ou simplemente a túa marca, a que corriches todos os anos, a que xa che toca correr ou por fin terminar. Por todo iso pensamos que ESTA É A TÚA… é o teu momento.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión