Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xaneiro de 2016

A VIII edición do medio maratón Coruña21 celebrarase o domingo 7 de febreiro e terá un carácter "máis accesible e integrador"

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a proba, na que as e os deportistas en cadeira de rodas poderán competir no percorrido completo

O Pazo de María Pita acolleu na mañá deste venres a presentación da VIII edición da carreira Coruña21, o Medio Maratón Atlántico. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou “o carácter accesible” desta edición, na que as e os deportistas en cadeira de rodas poderán participar, por vez primeira, no percorrido completo. Neste sentido, o edil destacou que tanto o circuíto Coruña Corre, como as profesionais Coruña10, Coruña21 e Coruña42, “funcionarán dun xeito máis integrador” nas vindeiras edicións “e cunha relación máis fluída, en todos os sentidos, coa Federación Galega de Atletismo”, entidade que colabora na organización do evento. O responsable de Deporte tamén fixo fincapé na continuidade da liña “popular” da actividade deportiva iniciada neste outono pola súa área, grazas á bonificación do 50% que terán as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidoras do carné xove na cota de inscrición.  

A carreira, que se celebrará o domingo 7 de febreiro, terá a saída e a meta no Obelisco. En total as e os corredoras percorrerán 21.097,50 metros, desde as 10.00 horas da mañá, nun circuíto de dúas voltas (a primeira de 9.375 metros e  a segunda de 11.722 metros). Coruña21 sairá do Cantón Grande, cara Linares Rivas, e pasará pola Praza da Palloza, Avenida do Exército, Carretera do Porto e a Rotonda de Oza, onde as e os corredores darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez chegados alí, darán a volta até o Obelisco para iniciar a segunda volta continuando o percorrido e, tras pasar as Ánimas, continuarán até o Paseo Marítimo - Pelamios, onde encararán os últimos tres quilómetros até chegar á meta, no Cantón Grande. O peche da carreira será ás 12.30 horas, e o percorrido contará con tres puntos de avituallamiento, situados no Cantón Pequeno en dirección praza de Mina (9 km), outro na praza da Palloza dirección Primo de Rivera (5 km e 14 km) , e no quilómetro 19, á altura da rotonda das Ánimas; ademais do situado na liña de meta.

No Medio Maratón Coruña21 poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Junior, Promesa, Senior e até sete modalidades de veteranos segundo o ano de nacemento. Haberá recoñecementos para as primeiras persoas clasificadas, así como para os primeiros atletas galegos e coruñeses. A organización, ademais, premiará a todas aquelas que superen o récord da proba, sendo este de 1:02:57 na categoría absoluta masculina, e 1:11:16 na feminina.

A inscrición poderá realizarse de forma presencial, até ás 22.00 horas do 30 de xaneiro, no Departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e no Marineda City (tamén nos centros de Santiago de Compostela e Vigo), ou a través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com até as 23.59 horas día 4 de febreiro. O custo prezo da inscrición, até o día 31, será de 15 €, e a continuación abrirase un segundo prazo até o día 4, no que será de 50€. José Manuel Sande lembrou que dado o interese en facer “máis accesible” a carreira Coruña 21, avanzou que haberá bonificacións do 50% na cota de inscrición para persoas desempregadas, posuidoras do carné xove ou maiores de 65 anos.

Outra das novidades desta edición é que para participar na conometraxe de Coruña21, non será necesaria a compra nin o aluguer do chip, xa que se entregará no mesmo momento da recollida do dorsal, que será o venres 5 (de 17.00 a 21.30 horas) e o sábado 6 (de 10.00 a 21.30 horas) no Departamento de Deportes de El Corte Inglés de Marineda City. Como vén sendo habitual, habilitarase un prazo excepcional para todas aquelas persoas que non poidan recoller o dorsal até o mesmo día da proba, e poderán facelo até unha hora antes da saída da proba no espazo preparado para este reparto no mesmo Cantón Grande.

As carreiras populares e do circuíto Coruña Corre ofrecen unha serie de servizos para facilitar a participación das e dos usuarios. Unha vez máis, as e os deportistas contarán cun servizo de duchas, situado no Pazo dos Deportes de Riazor (de 11.30 a 14.30 horas) e, xunto a zona da saída e meta, do servizo de gardarroupa, así como de fisioterapia e podoloxía.

Adestramento gratuíto para preparar Coruña21

Mañá, sábado 30 de xaneiro, terá lugar na contorna da praia de Riazor (Avenida de Bos Aires) un adestramento previo ao Medio Maratón no que as e os monitores explicarán o percorrido da proba así como a técnica de carreira máis adecuada. Ademais, entre todas as persoas participantes, sortearanse dous dorsais para o Maratón Coruña42. que se celebrará o 17 de abril.

Para obter máis información sobre a carreira, así como os horarios de saída dos distintos caixóns e premios de cada categoría, pode visitarse a web municipal www.coruna.es/carreiraspopulares

Documentos:

Percorrido Coruña21 (2 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión