Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de abril de 2014

A proxección do documental "Fiz, puro maratón" dará o pistoletazo de saída da ExpoRunning de Coruña42

A iniciativa realizarase os días 25 e 26 de abril en Palexco para maior comodidade dos atletas. A carreira, que chega á cidade o domingo día 27 e cuxo prazo de inscrición finaliza o 20, pretende acadar este ano os 1.500 corredores, un 33% máis ca no 2013.

O Concello, a través da Área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que os próximos días 25 e 26 de abril realizarase en Palexco unha nova edición da ExpoRunning de Coruña42, previa á carreira que se realizará o domingo día 27.

En concreto, a iniciativa abrirá as súas portas o venres, día 25, ás 17.00 horas; e a inauguración oficial contará coa presenza do vitoriano Martín Fiz, protagonista do documental "Fiz, puro maratón" que se proxectará a partir das 18.30 horas e que narra a historia dun atleta humilde que, grazas ao seu traballo incansable, se converteu en campión de Europa e do Mundo e recibiu o Premio Príncipe de Asturias. Podes ver o tráiler a través do seguinte enlace.

A vida do bicampión foi levada ao cinema da man do director Rodrigo Moro e coa colaboración no guión de Álex Calabuig, director adxunto da Runner´s World. O documental percorre a vida dun atleta incansable, exemplo de superación, que se interna no mundo das carreiras de fondo na súa proba máis lendaria, o maratón; unha proba na que se forxou dende neno superando infinidade de obstáculos para chegar ao cume do maratón mundial.

Así, a película lembra grandes momentos como o Campionato de Europa de Maratón de 1994 disputado en Helsinqui no que compartiu triunfo xunto aos seus dous grandes amigos, Alberto Juzgado e o falecido Diego García. Contada a través da voz do propio Fiz, a historia reúne as principais figuras do atletismo mundial como o bicampión olímpico e mellor fondista da historia do atletismo, Haile Gebrselassie; campións olímpicos e mundiais como Fermín Cacho ou Abel Antón; e mesmo o seu primeiro adestrador do Colexio Miguel de Unamuno de Vitoria.

As entradas para a proxección do documental serán gratuítas e poderanse retirar en www.ticketea.com ata esgotar existencias.

A iniciativa súmase á aposta da Concellería de Deportes por este evento e polo maratón Coruña42. Así, entre as novidades deste ano, tamén se inclúe o cambio de sede de Exporrunnig a Palexco para maior comodidade dos seus atletas.

Ademais, o acto de inauguración oficial completarase cunha merecida homenaxe aos 46 heroes anónimos que correron as seis grandes probas da cidade, Coruña10, Coruña21 e Coruña42, dende o ano 2012 cando se completou a triloxía co Maratón Atlántica. Un punto de encontro entre corredores populares e de elite como pistoletazo de saída da iniciativa.

Coruña42, que chega á cidade o domingo día 27 e cuxo prazo de inscrición finaliza o 20, pretende acadar este ano os 1.500 corredores, un 33% máis ca no 2013.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión