Concello da Coruña

Concello da Coruña

Bibliotecas Municipais

Área de Fomento e Promoción da cidade

Marta Escourido

Marta Escourido, tradutora, voluntaria na Hora da lectura

A Biblioteca Ágora iniciou no ano 2018 unha liña de traballo comunitaria co Fogar de Santa Lucía baseado na lectura e que busca sobre todo o benestar das persoas que residen nel. Ademais de achegar a biblioteca e o gozo das diferentes artes ao centro, resulta fundamental a relación persoal, a calidade dos textos, a participación das asistentes e o respecto polos seus coñecementos e experiencia previa.

"A lectura en voz alta dá felicidade e asombrosos beneficios (...) ademais de xerar unha ponte entre lector e receptor, logrando unha conexión co texto grazas á melodía da voz, as imaxes, os personaxes e o que se conta " Lourdes Morán

Imos coñecer un pouco mellor a Marta Escourido, unha das nosas voluntarias na hora da lectura.

En que colaboras?

Colaboro no programa A Hora da lectura con usuarias do Fogar de Santa Lucía. Cando empezamos iamos ao centro, mais despois da pandemia pensamos que podería ser boa idea organizar as sesións na Biblioteca Ágora para que os participantes saísen do seu ambiente habitual e que se familiarizasen coa biblioteca.

Para as nosas sesións pensamos nun libro ou algún conto que lles poida resultar interesante ou que nos dea para comentar e lémolo xuntas en voz alta. Para variar un pouco as actividades, desde o ano pasado organizamos saídas pola Coruña para asistir a exposicións. Visitamos unha sobre Emilia Pardo Bazán, outra sobre Picasso... Tamén facemos mini representacións de teatro, escoitamos música, vemos películas ou mesmo facemos origami.

Con todo iso queremos que as participantes poidan expresarse sobre temas que poidan interesarlles e que, en ocasións, tamén sexan de actualidade. Nestes anos xa vimos un cambio bastante considerable na súa forma de expresarse en público e de abrirse a persoas alleas á súa contorna habitual. Nestes anos puidemos establecer unha relación cada vez máis estreita con elas e ese é un dos puntos que máis destaco deste programa.

Por que te fixeches voluntaria?

Cando empecei acababa de terminar un mestrado e a pesar de traballar uns anos na Coruña non coñecía moita xente. Encántame pasar tempo coas persoas maiores e tamén me encanta ler, así que pensei en buscar algún voluntariado onde puidese combinar as dúas cousas. O voluntariado pareceume unha boa maneira de aproveitar o meu tempo libre.

Participas en accións similares?

Durante uns meses, traducín como voluntaria para unha ONG enfocada na potabilización de auga. Ademais diso, nunca participara nunha acción similar, polo que este voluntariado está a ser unha experiencia moi enriquecedora.

Que che achega a túa actividade como voluntaria nas Bibliotecas Municipais?

Este voluntariado é moi bo para min. Primeiro, porque me axuda a superar a miña timidez e perder o medo para falar en público. Deixando iso de lado, creo que elas me achegan máis que eu a elas. Gústame pasar tempo con elas, falar con elas, saber que pensan e as súas experiencias. Aínda que pareza un tópico, creo que a miña relación con elas axúdame a relacionarme cos demais dunha maneira máis aberta e próxima.


Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar:

Se o prefires, combina distintos criterios na procura avanzada ou busca nun calendario

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión