Concello da Coruña

Concello da Coruña

Exposición fotográfica "Enerxía social"

"Enerxía social" é o resultado dun proxecto fotográfico no que a Fundación Repsol convidou a 8 reputados fotógrafos para que retratasen algúns dos países onde a Fundación leva a cabo as súas accións de responsabilidade social: Bolivia, Ecuador, Brasil, Venezuela, Perú, México, España e Portugal.

Cando:

Dende o 22/04/2013 ata o 22/05/2013

Xa rematou

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora

Os traballos destes oito fotógrafos contemporáneos móstrannos as sinerxías que se producen entre os seus habitantes e as paisaxes, ensinándonos a través da cámara que dentro da nosa diversidade todos formamos parte dun mesmo mundo.

António Homem Cardoso (Portugal) céntrase na cidade costeira de Sines, situada entre o mar e a chaira. Ángel de la Rubia (España) dirixe o seu obxectivo fotográfico ao rico patrimonio artístico de España e a parte da súa poboación. Alejandro Cartagena (México) mostra un retrato sociolóxico de Reynosa, municipio ao nordés de México facendo fronteira con Estados Unidos. Araquém Alcântara (Brasil) trasládanos ao interior da Mata Atlántica do Amazonas. Walter H. Wust (Perú) realiza un belo retrato do país inca a través dun percorrido imaxinario pola súa xeografía, cultura e as súas xentes. Andrés Unterladstaetter (Bolivia) e Ricardo Peña (Venezuela) nárrannos o desenvolvemento das poboacións rurais dos seus países, mentres que Simón Bauer (Ecuador) dirixe a súa mirada ás comunidades indíxenas dos Andes. 

A través da fotografía, este proxecto de Fundación Repsol quere dar a coñecer e achegarlle á cidadanía os países e a contorna de actuación da Fundación, mostrando a actividade de responsabilidade social e contribuír, con iso, á sensibilización da sociedade.

 

FOTÓGRAFOS

António Homem Cardoso

Nace en 1945 en São Pedro do Sul, Portugal. Inicia a súa profesión na década dos sesenta dividido entre a fotografía comercial e as colaboracións co Diario de Noticias e Diario Popular. Nos anos setenta comeza a traballar no ámbito da publicidade e abre o seu propio estudio en Lisboa. Dez anos despois apaixónase pola edición e publica preto de noventa libros. Entre tanto, foi director de fotografía de varias revistas nacionais e formou parte da dirección da Sociedade Portuguesa de Autores. Retratou coa súa cámara a centos de personalidades e escribiu “Cuando Dios le ayuda” (Quando Deus o ajuda). É fotógrafo oficial da Casa Real Portuguesa.

 

Araquém Alcântara

Nace en Brasil en 1951. É un dos precursores da fotografía de natureza do seu país. O seu traballo é actualmente unha referencia nacional e fonte de inspiración para novos fotógrafos.

Na súa produción constan 39 libros, 5 premios internacionais e 32 nacionais, 75 exposicións individuais e numerosos ensaios e reportaxes para publicacións nacionais e estranxeiras. Araquém é autor de "TerraBrasil", e é o primeiro fotógrafo que documentou todos os parques nacionais brasileiros.

Produciu ademais, unha edición especial para a revista National Geographic, titulada “Bichos do Brasil”. Priorizando a fotografía como expresión plástica e instrumento de transformación social, Araquém Alcântara é hoxe un dos máis destacados e combativos artistas en defensa do patrimonio natural de Brasil.

 

Alejandro Cartagena

Nace na Republica Dominicana en 1977, pero vive en Monterrey (México) dende 1990. De formación autodidacta, o seu traballo fotográfico desenvólvese arredor da identidade sociocultural observada tanto en individuos, como en lugares. A súa obra foi exposta nacional e internacionalmente e recibiu varios premios como a bolsa para novos creadores do FONCA. A súa obra está incluída na guía para coleccionar obra de fotógrafos emerxentes de Humble Arts Foundation de Nova York e forma parte de varias coleccións públicas e privadas de México, Estados Unidos e Europa.

 

Ricardo Peña Bacalao.

Nace en Caracas, Venezuela, en 1977. Estuda literatura na Universidade Católica Andrés Bello, pero trasládase aos Estados Unidos para estudar fotografía no Rockport Collage de Maine e no Art Institute de Boston, Massachussetts. Alí, especialízase nos procesos alternativos da fotografía do século XIX e en técnicas de laboratorio branco e negro. Ao graduarse regresa a Venezuela e comeza a traballar no sector publicitario e corporativo da fotografía; ademais, é docente universitario dos xéneros de retrato, paisaxismo e laboratorio en branco e negro.  Así mesmo, mantense activo como fotógrafo artístico representado pola galería venezolana: “La Carnicería Arte Actual”.

 

Walter H. Wust

Nace en Lima, Perú, en 1967. Enxeñeiro forestal, xornalista, editor e fotógrafo, publicou máis de 250 libros e guías ao longo de 15 anos, o que lle fai ser considerado como o editor de temas ecolóxicos e turísticos máis importante do Perú. Foi galardoado co primeiro Premio Internacional de Xornalismo no 2002 outorgado pola Federación Internacional de Xornalistas Ambientais (IFEJ), con sede en París; o premio CAMBIE 2003 á Conservación do Medio Ambiente e a Medalla ao Mérito Cívico - Orde de Santiago Apóstolo 2005 pola Municipalidade de Santiago de Surco. Actualmente é director de Wust Ediciones e Guías Perú TOP.

 

Simón Brauer

Nace en Quito, Ecuador, en 1973. Fotógrafo e cineasta, colaborou con varias revistas, axencias e libros. Ata a data conta con varias exposicións, entre as que destacan, “Costa by pass” (2005) e “Amor Chatarra” (2005).Traballa a fotografía de forma artística, onde a experimentación, a paixón e o coñecemento son as ferramentas fundamentais para crear sempre algo novo. É por iso que no 2005, xunto á súa esposa a fotógrafa ecuatoriana Lorena Cordero, crea Neurona Digital, unha empresa dedicada á fotografía con todos os recursos necesarios para producir fotografías e compartir experiencias con outros artistas visuais do país e do estranxeiro. Na actualidade traballa como director de fotografía e fotógrafo freelance.

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión