Concello da Coruña

Concello da Coruña

POETAS DI(N)VERSOS con Luz Pichel e Mohsen Emadi

O 30 de maio visitarán A Coruña dúas voces impelidas a residir a moitos quilómetros dos seus lugares de orixe: a dezá Luz Pichel e o iraniano Mohsen Emadi. Eles dous seguen a escribir poesía en galego e en persa aínda dende Madrid e México.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

30/05/2016

Xa rematou

Horario:

20:30 h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña

Prezo:

Entrada de balde até completar a capacidade

 

Contacto:

981189888

Documentos:

Folleto Poetas maio 2016 (1 MB)

LUZ PICHEL

 

Luz Pichel naceu en 1947 na aldea lalinense de Alén. Estudou Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, e no ano 1970 trasladouse a rematar estudos en Madrid. Dende entón, e convertida en catedrática de Lingua e Literatura Española, alterna a súa residencia na capital de España con curtas estadías de acougo no seu lugar de orixe no Deza.

 

Durante os seus primeiros anos en Madrid céntrase no seu traballo docente en varios institutos de secundaria. Mais entre o 2002 e o 2009 compaxina este labor coa dirección, xunto a Guadalupe Grande, do Centro de Estudos da Poesía da Universidade Popular José Hierro de San Sebastián de los Reyes. Contribúe con poemas en varias revistas literarias, antoloxías e volumes colectivos.

 

Poeta en galego e castelán, ademais dunha singular e afouta entrega publicada en castrapo, Pichel comezou a súa carreira poética grazas ao I Premio Ciudad de Santa Cruz de la Palma co poemario El pájaro mudo (1990). Máis dunha década tardaría en aparecer La marca de los potros (2004), da man do XXIV Premio hispanoamericano de poesía Juan Ramón Jiménez. Inaugurando a súa obra galega, Casa Pechada (2006) resulta gañador do XXVI Premio Esquío de poesía. En 2004 sae El pájaro mudo y otros poemas, reedición do seu primeiro libro co engadido de Ángulo de la niebla, Cartas de la mujer insomne e mais Hablo con quien quiero. En 2013 publica cativa en su lughar –que introduce unha persoal reescrita de casa pechada nunha lingua de fronteira e de contacto entre galego e castelán– e en 2015 sae tra(n)shumancias, o seu último título ata a data.

 

dentro da fraga dormen

os bichos

debaixo das pedras dormen os bichos

na póla do carballo dormen os bichos

sobre da grada do galiñeiro dormen os bichos

en xergóns de folla de mazaroca dormen os bichos     choran

piden leite.

 

pronto se abrirá a veda

sairán os cazadores con moitos cans.

MOHSEN EMADI

 

Mohsen Emadi –iraniano do 76– é poeta, tradutor, programador e cineasta. Tras o golpe de Estado da milicia persa deixou o Irán en 2009, e como exiliado político viviu en varios países de Europa. Hoxe reside en México, entre o D.F. e Malinalco, doutorándose sobre poesía dixital na UNAM e colaborando en varios proxectos culturais para a Universidade do Estado de México.

 

Prohibido no seu propio país, este poeta en lingua parsi só puido publicar en Irán No hablamos de sus ojos, en 2007. O resto de títulos viron a luz en edicións bilingües ou en tradución ao castelán en España, caso de La flor en los renglones (2003), Las leyes de la gravedad (2011) e Visible como el aire, legible como la muerte (2012, España).

 

En 2007 fundou na rede un proxecto revelador e crucial para a comunidade lectora iraniana: a Antoloxía Persa de Poesía Mundial, onde –como redactor en xefe– dá a coñecer en tradución ao parsi autores de todo o mundo. Tamén ten editado traducións de poetas da talla de Vladimir Holan, Nichita Stanescu, Antonio Gamoneda, Juan Gelman, César Vallejo, Alejandra Pizarnik, Luis Cernuda, Clara Janés ou Walt Whitman entre outros. Do mesmo xeito, a súa propia poesía ten sido traducida a unha decena de idiomas. Na súa faceta de cineasta, os seus documentais poéticos sobre o exilio de Luis Cernuda ou sobre a poesía de Gamoneda foron proxectados en México, España ou Portugal. Entre os seus galardóns e bolsas internacionais como poeta ou tradutor constan o Premio Poesía de Miedo, a Bolsa FILI, a bolsa Antonio Machado, a Bolsa ICORN da Rede internacional de cidades para escritores refuxiados (2012-2015) e a VI Distinción “Poetas de outros mundos”.

 

YAMSA, TRIBUTO Á AUSENCIA (IV)

Á memoria de Farzad Kamangar

Sentado aquí

en Yamsa

no río e no canto

no eco e na sombra

bágoa

e infinito respirar

nunha barca que me leva de novo

a ti e a min Palestina

a min e ó teu Kurdistán

o arsénico arde azul

o chumbo, verde

arsénico e chumbo

veleno e bala arden en nós

e botámonos de menos

ambos estamos en débeda coa ausencia

 

Está chuvioso

o atraso do tren

na última estación

cun paraugas azul

busco unha muller

de paraugas vermello

e ollos verdes

 

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión